O Festival Internacional de Cinema Play-Doc inicia nesta xornada a súa 17ª edición ao grande e coa cidade de Nova York como pano de fondo. Tres filmes da retrospectiva dedicada a Manfred Kirchheimer e a música da banda de Brooklyn Blurry The Explorer serán o aperitivo dun certame que programará, ata o vindeiro domingo 26, estreas mundiais, xoias cinematográficas ou visitas de cineastas como Bette Gordon ou Walter Saxer, entre outros.
O acto de inauguración terá lugar ás 20.30 horas no Teatro Municipal de Tui. Durante o evento, que se poderá seguir en streaming a través da web da Deputación de Pontevedra, Play-Doc proxectará Colossus on the River (1965), o primeiro filme de Manfred Kirchheimer, que á súa vez abrirá a primeira retrospectiva internacional, fóra de EEUU, dedicada ao realizador. O acto comezará coa poesía sonora e experimentación de Blurry the Explorer, a nova banda liderada polo baterista Jeremy Gustin (Albert Hammond Jr), acompañada polos visuais de Sr. Pause (o galego Roi Fernández). Unha segunda sesión de proxeccións, no marco da retrospectiva Kirchheimer, pechará a xornada inaugural. O público poderá gozar, a partir das 22.30 horas no Teatro Municipal, de One More Time e Up the Lazy River, dúas pezas audiovisuais realizadas este 2021 polo cineasta de orixe alemá e que Play-Doc estrea esta noite a nivel mundial.
Na xornada de mañá, xoves 23 de setembro, comezará a competición. Tres filmes da sección de longametraxes e catro películas da sección Galicia poderanse ver ao longo do xoves nas pantallas da localidade tudense. Entre elas destaca a estrea en España de Disturbed Earth, unha coprodución entre Macedonia, España e Bosnia- Herzegovina dirixida por Kumjana Novakoa e Guillermo Carreras; e Dal pianeta degli umani, do realizador italiano Giovanni Cioni, que se proxectou, recentemente, no festival de Locarno. No táxi do Jack, o último traballo da cineasta portuguesa Susana Nobre, completa o programa de exhibición da sección de longametraxes da xornada de mañá.
No caso da sección de Galicia, este ano máis combativa que nunca, Play-Doc programa para este xoves as últimas creacións dun selecto grupo de creadoras emerxentes e cineastas consagrados: Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva; El viaje, 1988, de Claudia Pineda; Persoa, pobo, paisaxe, de Daniel Pérez Silva; e Memorias de ultramar, de Alberto Berzosa e Carmen Bellas.
Finalmente, a programación desta segunda xornada de Play-Doc complétase con novas proxeccións da retrospectiva dedicada a Manfred Kirchheimer, entre as que destaca a proxección, por primeira vez en 48 anos, da inédita Short Circuit.
Axenda Play-Doc 22 de setembro
20.30 horas | Teatro Municipal de Tui
- Inauguración. Proxección Colossus on the River + Concierto Blurry The Explorer
22.30 horas | Teatro Municipal de Tui
- Proxección One More Time + Up the Lazy River
Axenda Play-Doc 23 de setembro
16.30 horas | Teatro Municipal
- Competición longametraxes: Disturbed Earth
17.30 horas | Seminario Menor
- Retrospectiva Manfred Kirchheimer: Dream of a City (2018) + Short Circuit (1973)
18.30 horas | Teatro Municipal
- Competición longametraxes: Dal pianeta degli umani
19.30 horas | Seminario Menor
- Competición Galicia: Negro púrpura
20.30 horas | Teatro Municipal
- Competición longametraxes: No táxi do Jack
21.30 horas | Seminario Menor
- Competición Galicia: El viaje, 1988; Persoa, pobo, paisaxe; Memorias de ultramar.
22.30 horas | Teatro Municipal
- Retrospectiva Manfred Kirchheimer: The American Skyscraper and Louis Sullivan (2006)
