play-doc

O Festival Internacional de cinema Play-Doc chega a súa décimo quinta edición posicionado como unha indiscutible referencia dentro do panorama audiovisual internacional. Ao longo destes 15 anos conseguiu construír un festival atípico e fóra da norma, que a pesar das súas reducidas dimensións e a súa localización, nunha pequena cidade periférica, logrou un amplo recoñecemento por parte da crítica internacional.

Por el pasaron xa grandes lendas do cinema como Artavazd Pelechian, Albert Maysles, Charles  Burnett ou Claire Simon, por citar só algúns, axuntando o local co máis destacado do cinema internacional e sabendo conxugar unha programación rigorosa cunha afluencia de público masiva, heteroxénea e participativa.

O Festival de Cinema Play-Doc, que comeza mañá e ata o domingo 7 de abril na cidade de Tui, abre o pano cunha xornada inaugural na que lle acompañarán parte dos patrocinadores institucionais coa presenza do Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González, o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o director do AGADIC, Jacobo Sutil, o deputado de cultura e normalización lingüística da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal e como representante do operador de cable galego R, Diego Rodríguez. Tras un breve acto de presentación na que se resumirá a exquisita programación desta décimo quinta edición proxectarase a primeira película da súa sección competitiva.

A película elixida para esta importante xornada para o festival é A Story from Africa do mítico realizador afroamericano, Billy Woodberry, un dos directores principais de L.A. Rebellion. Con esta película experimental Woodberry trata de desatar a violencia que conteñen as imaxes así como de subverter o que a primeira vista sería entendido como unha mirada colonialista. O director estará presente no acto inaugural e terá un encontro co público ao finalizar a proxección.

Tras o acto de inauguración arrincarán as proxeccións dunha das retrospectivas que este ano dedica o festival. Será a película dirixida polo cineasta e pai do cinema independente filipino,  Kidlat  Tahimik, que asistirá á presentación e ao posterior coloquio para falarnos da súa película, Quen inventou o yoyó? Quen inventou o vehículo lunar? (1978), nela Kidlat Tahimik asóciase cun grupo de nenos nunha granxa bávara para construír un foguete espacial. O obxectivo é ir á lúa para comprobar se é posible xogar ao yoyó na súa superficie. Como sinalan algúns dicionarios, o  yoyó é precisamente un invento filipino. É así como a granxa alemá convértese na base do primeiro Proxecto Oficial Filipino Lunar ou P.O.M.P (siglas de Philippine Official Moon Project).

Un ano máis a súa programación avala a calidade deste festival que achega a Tui durante esta semana as estreas de grandes títulos con percorrido internacional. Nesta edición, unha vez máis, visitarán a cidade galega creadores de todo o mundo e auténticos referentes do cinema internacional, que virán presentar os seus traballos e a ter encontros cos asistentes apostando unha vez máis pola proximidade e a conexión do público cos invitados do festival.