O BNG apoiou no pleno a presentación do proxecto de reforma do pavillón da Sangriña pola necesidade que ten o deporte Guardés de mellorar esta infraestrutura e tamén porque de non votalo favorablemente, A Guarda perdería unha subvención de 600.000 € do Plan REACPON da Deputación Provincial, dado que o goberno socialista non foi capaz de elaborar ningún outro proxecto que lle permitise acollerse a esta subvención.

O voto favorable do BNG nun exercicio de responsabilidade, non lle impediu aos nacionalistas denunciar o escurantismo co que foi elaborado o proxecto e a falta de participación das entidades deportivas, traendo no último momento a Pleno para a súa aprobación e en tempo límite para poder presentalo.

Despois de reunirnos coa Directiva do Atlético Guardés nunha reunión cordial na que   abordamos entre outros asuntos o tema da reforma do pavillón, o BNG brindouse a apoiar aqueles aspectos mellorables do proxecto que o club considerase así como a entremediar na medida das nosas posibilidades para minimizar os prexuízos que lle poida ocasionar o club todo o proceso de reforma do pavillón.

Sorpréndenos o ton do comunicado de prensa da Xunta Directiva do Club Balonmán Atlético Guardés quince días despois da reunión que mantivemos, pero aínda así  brindámonos novamente a estudar e acordar todo aquelo que consideren oportuno para o deporte guardés no seu conxunto e para o Atlético Guardés en particular.

ASINADO: BNG DA GUARDA