Pleno A Guarda
ALFREDO // Imagen de un pleno en A Guarda. Archivo.

O Partido Popular da Guarda critica que en dous meses, a única proposta que o Goberno Bipartito levou ao pleno foron os festivos locais para o ano próximo. A voceira local do partido, Conchi Ortega, amosa a súa sorpresa porque “a xuízo do Goberno este sexa o único tema de interese para os veciños da Guarda”.

Así, a voceira popular pregunta si “os veciños merecen este Goberno”, e incide en que “hai problemas na Guarda moito máis urxentes que solucionar e en lugar de ofrecer respostas, o Alcalde leva dous anos paralizado, sen propostas e sen solucións”. Como exemplos, a popular refírese aos “múltiples reparos suspensivos de intervención que, engade, lles din que están xestinando mal e nin se inmutan”.

Conchi Ortega resalta que é o traballo do PP o que está dando contido aos plenos municipais. “Se non fora pola oposición non habería de que falar nos plenos”, engade. Na última sesión, que se celebrou este martes, o PP criticou que o Concello da Guarda continúe sen unha ordenanza para cobrar os seguros pola intervención do GES que, recordou, o seu mantemento e financiamento recibe investimento da Guarda cando dá servizo a outros concellos limítrofes que non aportan nin un só euro. “Por non facer un papel, A Guarda está perdendo cartos”, sinalou. Sobre este tema, a voceira popular preguntou á Concelleira de Facenda por que en Pontevedra votou en contra de que a Deputación asumise a financiación que están aportando actualmente os concellos base dos GES, tal e como xa fai a Deputación de Ourense, e indo en contra dos intereses dos seus veciños.

Ademais, o PP tamén presentou unha moción para buscar unha solución aos reparos de intervención despois de que os socialistas se saltasen a orde de prelación de pagos. “Onte aprobouse co apoio da maioría, pero temos moitas dúbidas sobre que vaian a facer algo con este acordo”. Neste senso, Conchi Ortega recorda que se adoptaron moitos acordos a instancias do grupo municipal popular que finalmente non tiveron ningunha repercusión. Así, refírese á proposta do PP para cambiar o baremo a aplicar ás familias no acceso á Escola Infantil, que segue sen facerse ou a ordenanza da emerxencia social.