Preparan un libro con textos e poemas de Sesé Mateo, unha muller morta por violencia de xénero
Sesé Mateo

Sesé Mateo foi asasinada por violencia machista o 20 de febreiro de 2017, en Redondela. A súa familia, as súas amizades e as compañeiras de traballo e de loita resístense a perdela e, por iso, preparan nunha edición dos seus textos e poemas elaborados ao longo dunha vida de amor e solidaridade. Unha merecida homenaxe para unha muller sensible e loitadora. Unha oportunidade social e colaborativa de mellorarmos, entre todos, un pouquiño, o mundo que habitamos.

O libro, titulado «No camiño do vento», sairá do prelo a finais de febreiro, coincidindo co II aniversario do seu asasinato e pódese mercar previamente, antes do 31 de marzo de 2019, facendo unha doazón de 10€ á «Fundación Mujeres», que adicará o recadado a axudar a nenos e nenas orfos pola violencia machista a través do Fondo de Becas Soledad Cazorla Prieto.

O proxecto é unha autoedición dos fillos e fillas de Sesé Mateo e dos seus familiares e amigos e amigas, polo que agradecen que os encargos se fagan, na medida do posible, en grupo. Unha vez feita a doazón, seguindo as indicacións ofrecidas na páxina web sesemateo.es os exemplares poderán recollerse nalgunha das presentacións que se farán por Galicia e Madrid a partir do 26 de febreiro 2019.