A comarca do Val Miñor formada polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán ten unha poboación permanente de 43.904 persoas. Esta poboación multiplícase na época estival chegando aos 100.000 residentes e tendo picos de poboación preto dos 120.000 habitantes, aos que hai que sumar a existencia de varios polígonos industriais como o do Porto do Molle ou a Pasaxe, no que están instalados numerosas empresas.

Esta bisbarra miñorana espállase nun territorio de 145,2 km cadrados dos que 34,9 pertencen a Nigrán, 34,4 a Baiona e 74,5 a Gondomar. A dispersión e a grande extensión do seu territorio, complican a atención das emerxencias, subliñando que os datos xeográficos falan da disparidade e contraste de altitudes que se rexistran entre as distintas parroquias, ás que hai que engadir as longas distancias e os pasos estreitos e dificultosos dalgunhas vías secundarias ou terciarias, polo que o tempo de resposta é fundamental e as veces vital.

Tanto a veciñanza estable como a estacional ou esporádica teñen dereito a unha resposta eficaz ante os riscos é a unha adecuada protección da súa integridade, dos seus bens e do seu entorno.

Actualmente os poderes públicos tratan de garantir este dereito cun infradotado Grupo de Emerxencias Supramunicipal que é xestionado pola mancomunidade do Val Miñor, contando co apoio do parque comarcal de bombeiros de O Porriño, que pola distancia entre a súa base e a comarca ten un tempo de resposta superior ao que consideramos adecuado (De 20 a 25 minutos).

Por todas estas razóns as formacións políticas de unidade veciñal e popular de Gondomar Concello Aberto, Nigrán Decide e Esquerda Unida de Baiona presentaron este sábado no Rexistro Xeral do Parlamento de Galiza en Compostela unha Proposición Non de Lei por Iniciativa Popular para a creación dun parque de bombeiros no Val Miñor, de xestión pública directa con base nalgún dos Concellos da Comarca, e no que se integre o actual persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Mancomunidade do Val Miñor.

A Comisión Promotora desta Proposición non de Lei por Iniciativa Popular está formada por 10 persoas, cinco mulleres e cinco homes. Tres son de Baiona (Silvano Montes, Aroa Dominguez e Marta Montes), tres de Nigrán (José Cuevas, Carlos Gómez e Anxo Mosquera) e catro de Gondomar (Jimena Varela, Fátima R.Areal, Ana López e Pauliño del Río).

Esta iniciativa será examinada pola Mesa do Parlamento Galego na súa sesión do luns entrante para a a súa admisión a trámite. Unha vez admitida, e logo da seu paso pola Xunta Electoral, se procederá á recollida das 2.500 sinaturas necesarias para a súa tramitación e aprobación se procede polo Parlamento Galego.