Os alumnos premiados

Un grupo de cinco alumnos de 1º do ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións do IES Escolas Proval obtivo o 1º premio no «X Obradoiro e concurso galego de Robótica. A maxia da Robótica», na categoría de Bacharelato-FP.

Esta actividade promovida por Igaciencia celebrouse ao longo desta semana no IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña e nel participaron máis de 1200 alumnos e alumnas dunha trintena de centros de toda Galicia.

O obxectivo deste obradoiro de programación e robótica era conseguir que o alumnado participante adquirise os conceptos computacionais básicos para comunicarse e saber como darlle ordes a un robot, e xestionar múltiples aspectos da vida cotiá, cunha aprendizaxe colaborativa que combina creatividade con pensamento algorítmico. Os premios aos gañadores entregáronse este venres 29 de novembro ás 17.00 horas no salón de actos deste centro coruñés.