PP DE NIGRÁN

A executiva local do Partido Popular propón por unanimidade que Carlos Abal Valverde sexa o candidato local do PP ás próximas eleccións municipais.

Así o decidiron na reunión que mantiveron o martes á noite, á que asistiron tamén o presidente provincial do PP Pontevedra, Alfonso Rueda; o secretario xeral, José Manuel Cores Tourís; e o coordinador comarcal do partido, Jesús Vázquez Almuíña.

Segundo a presidenta local do PP, María José Pino, Carlos Abal “é o mellor candidato, é unha persoa comprometida, traballadora e moi preparada, unha persoa que ofrece confianza e experiencia en xestión, e vinculado de sempre ao partido”. Así, recorda que foi o presidente do Comité Organizador do último Congreso do PP de Nigrán. Por todo iso, consideran os populares que é a persoa “idónea” para encabezar a candidatura, “e por iso ten o respaldo absoluto do PP local”.

A executiva do PP local conclúe así a elección do candidato despois de varias reunións de traballo nas que se escoitaron propostas, analizaron situacións e, finalmente, este martes decidiron de xeito unánime elevar a súa proposta ao PP de Pontevedra, para que a teña en consideración e así llo fixeron saber a Alfonso Rueda e á dirección provincial. Con todo, dende o PP de Pontevedra non nomearán a ningún candidato da provincia, como mínimo, ata despois da celebración do Congreso Nacional.