O deputado autonómico por Pontevedra, Luís Bará, visitou esta mañá O Val Miñor, acompañado por simpatizantes e concelleiros nacionalistas da comarca, para reclamar que a autoestrada AG-57 sexa rescatada e desaparezan as súas peaxes.

Esta medida sería beneficiosa para os veciños do Val Miñor“, afirmou Bará, “xa que podería ser utilizada como circunvalación ao propio Val. O feito de que tramos tan curtos como os que comunican Baiona con Nigrán e Gondomar e viceversa sexan de pago provocan que non se teñan en conta como vía alternativa que desconxestione as principais vías de entrada aos tres concellos, sobre todo na época estival, sendo moito máis frecuentes e longos os atascos no cruce da Ramallosa, principal punto de enlace entre Baiona, Gondomar e Nigrán”.

O deputado indicou que “tamén as empresas da zona acadarían maior competitividade, xa que enlaza a AP-9 cos polígonos industriais de A Pasaxe (Vincios-Gondomar) e de Porto do Molle (Nigrán), así como co Parque Tecnolóxico Loxístico de Valadares (Vigo), sin esquencer que ademáis comunica O Val Miñor e á propia AP-9 co Hospital Álvaro Cunqueiro (Valadares-Vigo)”.

Luís Bará comprometéuse a presentar unha iniciativa no Parlamento, acompañada con novas mocións nos concellos do Val Miñor, co fin de que a Xunta de Galiza se comprometa a realizar un estudo no que se contemple o rescate da AG-57 e ésta estea libre de peaxes, como sucede con outras vías de comunicación entre a AP-9 e distintas comarcas da provincia.