ALFREDO

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial das Letras Galegas, adica este sábado á parroquia de Chandebrito ofrecendo un roteiro arqueolóxico centrado nas recentes excavacións do Castro e, a continuación, e coincidindo co solpor, o concerto do coro Gli Appassionati, dirixido pola prestixiosa mezzosoprano de Chandebrito Nuria Lorenzo.

O roteiro arqueolóxico arrancará ás 19:00 horas dende o campo de fútbol de Chandebrito e estará guiado por responsables da primeira fase de excavación no Castro, da cooperativa Árbore Arqueoloxía.

A duración prevista é de duas horas e inclúe un obradoiro de elaboración de colares que rememoran a conta fenicia atopada recentemente no lugar, para elo se empregarán réplicas de taladros prehistóricos. Esta peza orixinal e outras atopadas recentemente serán amosadas aos asistentes.

Como gran colofón final á xornada, terá lugar, ás 21:00 horas no bautizado como ‘Bosque da Memoria’, ao pé do Castro, o concerto ao aire libre do coro Gli Appassionati.

Neste escenario máxico, coincidindo precisamente co solpor, os ‘appassionati’ interpretarán un repertorio prácticamente cen por cen galego, con pezas de textos de Rosalía de Castro como ‘Cada noite’, ‘O moucho’, ‘Negra sombra’ o outros popularmente coñecidos como ‘Catro vellos mariñeiros’ ou ‘María Soliña’.