En 1979, Edicións do Castro publica o libro «O siñor Afranio ou como me rispei da gadoupas da morte». Nel fala das súas memorias como fuxido das forzas fascistas sublevadas en 1936, e da rota que seguiu polo sur de Pontevedra e Ourense ata chegar a Portugal, agochado no monte, e máis tarde disfrazado de esmolante portugués (Afranio de Amaral). Este fuxido non era outro que o propio Antón Alonso Ríos.

Alonso Ríos (Silleda, 1887) estudou maxisterio en Santiago. En 1908 emigra a Arxentina. Alí participa na fundación da Federación de Sociedades Gallegas Agraria y Culturales en 1921, e coa instauración da República volve a Galicia e é nomeado director da Escuela del Porvenir en Tomiño, escola creada e sostida polos emigrantes galegos na Arxentina. Ao fronte dela permanecería desde 1931 a 1936.

En febreiro do 36 preséntase ás eleccións de Deputados as Cortes pola Federación Agraria da provincia de Pontevedra, formando parte da candidatura da Fronte Popular e sae elixido. Cando se desata a Guerra Civil, Alonso Ríos ponse, xunto con outros republicanos en Tui, á fronte dun grupo de carabineiros, soldados da mariña e civís armados con escopetas de caza, nun desesperado intento de defender a República e impedir o paso das tropas sublevadas.

Na Guerra Civil Española, a freguesía de Castro Laboreiro foi lugar de acollemento para ducias de fuxidos da represión franquista. Esta visita centrarase na fuxida de Antón Alonso Ríos paseando polos lugares que el describe no seu libro O Siñor Afranio, pero sen esquecer outras persoas que nesta zona tamén estiveron agochadas.

O roteiro, organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, estará guiado por Américo Rodrigues, Cofundador do Núcleo de Estudos e Pesquisa Montes Laboreiro.

Programa

Sábado 16 setembro:

  • Ás 9:00 horas, saída en autobús desde Goián (Campo de fútbol). Paradas en Tui e Salvaterra.
  • Ás 11:00 horas, Chegada a Castro Laboreiro. Parada de 20 minutos para café.
  • Ás 11:20 horas, roteiro. Pequena rota (3 km) recreando a que seguiu Alonso Ríos. Visita á casa onde estivo refuxiada a mestra Eudosia Lorenzo Diz, denunciada e feita prisioneira o 17 de maio de 1938.
  • Ás 14:30 horas, xantar no restaurante Miracastro. Américo Rodrígues fará un repaso pola historia de Castro Laboreiro na sobremesa.
  • Ás 16:30 horas, retomase o roteiro. Pequeno percorrido pola zona do Ribeiro, onde estivo Afranio, e visita á casa da refuxiada galega Rosaura Rodríguez, no lugar de Assureira. A seguir, os asistentes irán á Ponte Nova, no mesmo lugar. En Curveira, achegaranse á lapa de Caralhote onde se agocharon moitos refuxiados. Pasarán polo marco 51 e a casa dos guardiñas en Ameijoeira. Finalmente, farán a última parada no monumento ás vítimas do fascismo en Ferreiros (Entrimo).
  • Ás 18:30 horas regreso.

Prezo (inclúe autobús e xantar)

  • 37 €/persoa se o menú é de bacallau
  • 35 €/persoa se o menú é de vitela

Prazas limitadas á capacidade do microbús (33 prazas) e por rigoroso quenda de inscrición no teléfono 636 247 329.