ALFREDO

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do coordinador de SEO Birdlife na provincia de Pontevedra, Gustavo Ferreiro, presentou a segunda edición de “Voando nas Rías Baixas”, que achegará de xeito totalmente gratuíto ao público interesado a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra.

A primeira das rutas terá lugar o 20 de xaneiro no Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, zonas protexidas pola Rede Natura 2000 e cunha grande variedade de aves palustres. O prazo de inscrición para esta ruta ábrese o vindeiro mércores, 9 de xaneiro e ata o día 15.

A duración de cada unha das rutas de “Voando nas Rías Baixas” será dunha mañá. Durante a actividade, as e os participantes estarán acompañados/as de dúas persoas monitoras ornitólogas e terán á súa disposición de xeito gratuíto o material óptico, así como unha guía ornitolóxica.

As e os interesadas/os en participar en cada unha das propostas de “Voando nas Rías Baixas” deberán cubrir, no prazo indicado en cada unha das rutas, un formulario habilitado na páxina web da Deputación. A institución provincial habilitará, de xeito gratuíto e en función da demanda de cada unha das alternativas, o desprazamento para poder participar na actividade.