Orzamento Participativo Transfronteirizo (arquivo)

Concluído o proceso de remisión de propostas á 3ª edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo Cerveira-Tomiño (OPT), un total de 18 entidades dos dous lados da fronteira, presentaron seis proxectos suxeitos a votación por parte das poboacións de Cerveira e Tomiño.

Tras celebrarse preto de 20 xuntanzas para explorar eventuais alianzas e desenvolver proxectos conxuntos, a dinámica entre asociacións galego-portuguesas tornouse intensa, a través do intercambio de coñecementos e do intercambio entre persoas e asociacións que comparten os mesmos intereses e obxectivos, pero que até o de agora non se coñecían.

A preparación das candidaturas implicou un bo número de encontros previos en diversos ámbitos, coma a educación, a cultura, a economía e a inclusión social, culminando coa presentación formal de seis proxectos executables durante 2019 no territorio común da Eurocidade Tomiño Cerveira.

O proceso de votación, aberto até o 16 de decembro, lévase a cabo a través da plataforma online Participa Cerveira Tomiño

Coma nas dúas edicións anteriores, poden votar os residentes en Vila Nova de Cerveira e Tomiño, maiores de idade, sendo obrigatorio o voto por dous dos seis proxectos.

Dotado con 20.000 euros, o OPT é unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño. É un proxecto cofinanciado en 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea.

Lista de proxectos:

“Sostibilidade”: ten como prioridade fomentar a mudanza de hábitos na conservación do medio ambiente. Os seus promotores son: Agrupación de Escolas de Vila Nova de Cerveira/ IES Antón Alonso Ríos/ CEIP Pintor Antonio Fernández/ CEIP de Barrantes.

“Pontes de Arte”: procura identificar os artistas vinculados ao territorio común, inventariar e dixitalizar as obras públicas existentes en ambos municipios. Os seus promotores son: Fundación Bienal Arte de Cerveira/ Asociación Cultural Convento S. Paio/ Fundación Xoán Piñeiro/ Fundación Xavier Pousa / Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández.

“Actividades lúdico-educativas para vacacións activas e creativas”: ten coma fin a organización de actividades de verán ao aire libre compartidas entre nenos e nenas de ambos os concellos, para ofrecer alternativas de conciliación laboral para as familias. Os promotores desta proposta son: Asociación de Pais do Centro Escolar da Vila/ Asociación de Pais do Centro Escolar Norte/ Mesa de ANPAS dos Centros Educativos de Tomiño.

“Actividades artísticas e medio-ambientais para a poboación infantil de Vila Nova de Cerveira e Tomiño”: o fin é fomentar unha educación en valores, mediante visitas guiadas a unha granxa escola; actividades creativas con materiais de reciclaxe, etc. Os promotores son: Associação de Pais do Centro Escolar da Vila/ Asociación de Pais do Centro Escolar Norte/ Mesa de ANPAS dos Centros Educativos de Tomiño.

“AMIZ’ARTE Sen Fronteiras”: busca favorecer a participación activa e inclusiva das persoas con discapacidade a través dun proxecto de arte comunitaria transfronteiriza. Ten como promotores: Delegación de Valença e de Monção da APPACDM de Viana do Castelo/ Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA)/ Asociación de Persoas con discapacidade (Vontade).

“Pensar o Corpo. Mover a Mente”: pretende incentivar a poboación a practicar deporte, valorando a saúde física e mental, fomentando os costumes e os valores locais. Os seus promotores son: Club de Fitness de Cerveira (Asociación sen fins lucrativos)/ Asociación Sociocultural Senraia.