“Só queremos que abran os pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas. Non pedimos máis que nos deixen sobrevivir”. Así de clara e desesperada foi a reivindicación que hoxe novamente realizaron os alcaldes, alcaldesas, presidentes de câmaras miñotos e o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, nunha nova protesta, esta vez no medio e medio da ponte entre Salvaterra e Monçao, pechada o 17 de marzo e pola que ata entón pasaban 10.000 vehículos ao día.

Foi o propio director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez quen quixo aclarar que a reivindicación non se trata de abrir ao turismo con carácter xeral os dous países: “Nós estamos a reivindicar algo moito máis xusto e moito menos preocupante dende o punto de vista sanitario. Simplemente estamos a reivindicar que os cidadáns e cidadás europeos transfronteirizos poidan facer a súa vida natural neste territorio transfronteirizo, que non teñan que desprazarse distancias quilométricas cando teñen unha ponte próxima pola que poderían facer ese paso”, subliñou.

Benítez fixo fincapé en que a solución é unha cuestión de medios,  colocando persoal do Estado nas pontes de Salvaterra-Monçao, Arbo-Melgaço, Cerveira-Tomiño e na ponte vella de Tui “para que os traballadores e traballadoras transfronteirizos non teñan que dar voltas quilométricas cos custes económicos que iso trae”. “Tamén demandamos –dixo- para a xente que vivimos aquí, que haxa unha desescalada coordinada e que comercios que agora están pechados porque non poden abrir para os seus clientes do outro lado, que estes poidan pasar”.

O nacionalista destacou que se trata de reivindicacións moito máis xustas e moito menos complexas que a reapertura para o turismo. “Hai moitísima xente que vive e traballa no outro lado, moitísima xente cun negocio que vive da xente do outro lado. Iso é do que estamos a falar, de que este territorio transfronteirizo se nos abra para poder seguir vivindo e traballando”, insistiu, para advertir que de non atenderse as demandas, seguirase co calendario de reivindicacións.

Desculpou a non asistencia no acto o alcalde de A Guarda, estando presentes as alcaldesas de Tomiño, O Rosal, Salvaterra, e os alcaldes de Tui, Arbo, As Neves, presidentes de Melgaço, Monçao, Valença, Cerveira e Caminha. Tamén estiveron presentes unha traballadora e un traballador que exemplificaron as dificultades que existen por ter un único paso habilitado na fronteira.

Pola súa banda, Cecilia Puga, cabeleireira de Arbo que ten unha perruquería en Melgaço –Portugal- dende hai 19 anos, explicou que diariamente trasladarse ao seu traballo lle leva seis minutos, mentres que agora se ve obrigada a facer diariamente unha hora e media ou dúas horas e dependendo de quen estea na fronteira. “A semana pasada tardei cinco horas en chegar ao meu traballo porque a señora da fronteira emperrouse en que os meus papeis non servían”, apuntou, para destacar que “simplemente pido que me deixen traballar”.

“Xa sabemos que ao mellor é demasiado pronto para abrir a todo o público, pero polo menos aos traballadores que de todas as formas estamos pasando, que nos deixen pasar polos nosos pasos habituais. Trátase de poñer medios. Se non chega coa policía ou o que teñan, que poñan ao exército, pero que deixen aos traballadores e traballadoras pasar para os seus postos de traballo. Eu se teño que facer estes quilómetros nunha na vida tería posto o meu negocio aí. É unha loucura”, relatou.

Puga explicou tamén que a día de hoxe está a traballar a medio gas despois de estar un mes e medio pechados, porque ten a metade da clientela,  só a portuguesa porque a española non pode ir ao negocio. “Coma a min pásalle a toda a xente en Melgaço. É unha pobreza para a zona. Os restaurantes algúns nin abriron porque dependen da clientela galega e ao non ter aos galegos non lles paga a pena abrir. Gastan máis en luz do que ingresan. A miña vida cambiou moitísimo”, finalizou.

Pola súa parte, Vítor, un feirante portugués, destacou que a situación de peche da fronteira é unha loita “que nos sentimos incapaces de superar nestes momentos”. “É moi duro vivir coas fronteiras pechadas porque está a ser un colapso económico na raia miñota. Falo no meu caso propio pero tamén na voz dos colegas que nestes momentos xa pasan por dificultades e non van conseguir reabrir os negocios se as fronteiras non abren de maneira urxente”, salientou.

Explicou que no seu caso, como comerciante, o 80% da facturación depende de España, polo que pediu volver á vida social e empresarial de inmediato, “xa que é o medio de sustento para sobrevivir. Temos comercio e industria. Temos traballadores que onde facían 2 quilómetros agora fan 100. Moitos deixaron o traballo porque o que gañan non da para o transportes. Poñan a man na conciencia porque de continuar así vai ser unha desgraza financeira. Estamos a atravesar unha fase moi grave. Somos persoas que dependen moito da fronteira. Abran as fronteiras por favor”, clamou.

Madrid e Lisboa descoñecen a realidade transfronteiriza

O presidente da câmara de Monçao, Antonio Barbosa, tamén foi claro no seu argumentario. Indicou que as fronteiras deben ser unha riqueza, pero hoxe son absolutamente o contrario. “Este territorio é exemplo de como en pouco tempo se pode aniquilar unha economía local”, dixo, para cuestionarse como non é posible garantir dous os tres puntos máis de paso para garantir a circulación entre ambos lados. “Non estamos a falar de turismo, estamos a falar de supervivencia de pobos que viven naturalmente xuntos. Pedimos dunha vez por todas que se abra, que haxa coordinación entre os estados e que se permitan as relacións transfronteirizas normalizadas. As fronteiras e a unión dos pobos non pode servir só en determinadas circunstancias. Non pedimos máis que sobrevivir. Pedimos a apertura con desespero”, subliñou.

Finalmente, a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, destacou a fronte común feita polas alcaldesas e alcaldes dun lado e outro da raia para facer “un chamamento á cordura e á sensatez” con respecto á apertura de pasos para a xente traballadora. “Pedímoslle aos gobernos algo tan esencial como que coñezan a realidade do seu territorio. As medidas que se están a tomar aquí son consecuencia do descoñecemento da riqueza e da idiosincrasia deste territorio”, subliñou.

Valcárcel lembrou que o 50% do tránsito entre España e Portugal no Miño pasa pola fronteira pontevedresa. “Non é normal que metamos todo ese tráfico nun só paso. Iso está facendo retención de máis de dúas horas. Estamos a trasladar o peso económico de toda esta pandemia ao sector máis desprotexido: as traballadoras e traballadores transfronteirizas”, dixo, para insistir en que “somos pobos irmáns e queremos seguir traballando nesa unión, que é unha realidade para nós. Non pode ser que á primeira de cambio montemos un muro”, finalizou.