Solicitan a retirada dun valo publicitario ilegal instalado en terreos municipais de Nigrán


Ante as preguntas realizadas sucesivamente polo grupo municipal Nigrán Decide durante catro plenos, entre novembro de 2017 e febreiro de 2018, o Goberno municipal tivo que asinar un decreto o 9 de marzo polo que ordenaba iniciar o procedemento de reposición da legalidade urbanística contra a empresa que instalou o valo publicitario na PO-325 en Prado, sen ordenar a súa retirada.

«A Nigrán Decide resúltalle inconcibible que se instale un valo publicitario nunha propiedade municipal e que, despois de un ano e catro meses de ter coñecemento deses feitos, o Goberno municipal non actuase, polo que presentamos unha moción, ditaminada favorablemente na comisión de asuntos xerais, para que o Alcalde retirase dito valo publicitario dos terreos municipais nos que se atopa instalado, no prazo de 10 días naturais, desde a súa aprobación polo pleno que se celebrará o próximo 1 de abril, para que estea retirado antes da semana santa polo gran impacto visual que causa, ao impedir ver Monteferro en todo o seu esplendor», indican dende a formación política.

«O Goberno, no canto de iniciar un procedemento de reposición da legalidade urbanística, tiña que, directamente, retirar ese valo, como faría calquera que lle instalasen un valo en terreos da súa propiedade», sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide.

Cuevas finaliza decindo que «ao estar instalado o valo publicitario en terreos municipais, con estas actuacións dilatorias, o Goberno, na práctica, está consentindo que unha das empresa que lle fixo a campaña electoral no ano 2015 se lucre a costa do patrimonio municipal».