Carmen desapareceu sen deixar rastro. Era o día dos seus 17 aniversarios e coincidía toda a familia por fin. Saíu pola tarde e xa non volveu, ninguén a vió saír nin ninguén sabe onde está. Susana, a súa nai, chamou á policía esa mesma noite, pero non a toman en serio… Así comeza Sucedáneo, a peza que Teatro do Ar presenta este luns ás 10:00 horas no CPI Arquitecto Palacios de Panxón (Nigrán), para debater co alumnado de secundaria sobre violencia de xénero.

Sucedáneo é a composición do xove director de Nigrán, Pedro Rodríguez Villar, coa que se mergulla no seo dunha familia durante a desaparición dunha das súas fillas. A violencia contra a muller estará presente durante toda a actuación para tratar de concienciar sobre esta gran problemática aos rapaces que cursan a ESO no colexio de Panxón.

Despois da obra Teatro do Ar e o profesorado prepararon un coloquio para reflexionar en común sobre a situación da muller na sociedade.

Teatro do Ar está formado por un grupo de mozos do Val Miñor que fan malabares para compaxinar os seus estudos e traballos cun teatro o máis profesional posible.