Tras a constitución da Eurocidade Tomiño-Cerveira, estas vilas compartirán unha nova xornada deportiva, o vindeiro domingo, 7 de outubro, coa I Andaina Eurocidade.

O Parque de Lazer do Castelinho (Cerveira) e o Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño), uniranse nunha andaina que percorrerá 10 quilómetros (ida e volta) nun circuíto considerado de dificultade moderada/baixa.

A proba, promovida conxuntamente polos dous concellos, terá unha duración aproximada de 2h30 minutos, con saída prevista para as 9:45min (hora galega) desde o Parque de Lazer do Castelinho na vila portuguesa de Vila Nova de Cerveira.

As persoas interesadas en participar deben enviar o seu nome, apelidos e idade ao correo electrónico: geral.manos.sa@gmail.com. A inscrición é de balde.

A andaina forma parte do programa “Deporte para todas as persoas”, actividades deportivas gratuítas, para a promoción da práctica de exercicio físico, que ademais inclúe “Piscina en familia”, o primeiro sábado de cada mes, para nenas e nenos de 3 a 12 anos, acompañados de familiares. Tamén actividades para maiores de 55 anos, todos os martes e xoves; e práctica de diversas modalidades deportivas (pilates, ximnasia, zumba, fitness e actividades afíns) en parroquias de Tomiño e nos IPSS (“Instituição Particular de Solidariedade Social”) de Cerveira.

Deporte para todas as persoas é unha das iniciativas impulsadas pola Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.