Tomiño énchese de música. Este sábado arranca unha nova edición de ‘O son da praza’, un ciclo que converterá a Praza do Seixo nun gran escenario polo que pasarán máis dunha ducia de artistas e grupos musicais.
Todas as actuacións están dirixidas a público familiar, comezarán a partir das 22.30 horas e a entrada será de balde.
Inauguración co Barrantes Folk
A programación de ‘O son da praza’ comezará este mesmo sábado co Barrantes Folk, un festival organizado pola Banda de Gaitas de San Vicente de Barrantes e patrocinado pola Asociación Veciñal de San Vicente de Barrantes no que se convidan a diferentes bandas de folk que namoren ao público. Nesta edición, xunto coa banda organizadora, subirase ao escenario o Grupo Folk A Bouzavella de Ponteareas.
A seguinte cita deste ciclo musical será o sábado 21 de xullo coa celebración do XXV Encontro dos pobos, organizado polo Grupo de Baile e Gaitas Do Lusco ó Fusco. Nesta ocasión participarán neste festival internacional ademais do Grupo de Baile Virxe do Alivio de Tomiño a Asociación VAL de Piran (Eslovenia) e a Agrupación Cultural Cuelebre de Lugones (Asturias).
Xullo rematará cun dos pratos fortes de ‘O son da praza’: o concerto de Ses (sábado 28 de xullo). A cantora coruñesa presentará o seu último traballo de estudo, ‘Readmirando a condición’, no que converte vellos temas en novos sons e no que inclúe un tema inédito e homónimo.
En agosto xa será a quenda de Galicat Jazz Quartet (domingo 5); da fusión de tradicións musicais do mundo de Sonus de Gaia (sábado 11); da mestura de voces de Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Miguel Ladrón de Guevara no Ei Cantar coa música da Agrupación Musical de Goián (venres 24) e a musicalización de poetas célebres do quinteto feminino A banda da loba (venres 31).