Tui, localidade fundamental no percorrido do Camiño Portugués a Compostela, será este mércores 9 de outubro a primeira parada do ciclo de conferencias «O Camiño de Santiago, espazo para a comunicación en directo», organizado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA). O experto no xacobeo e presidente de APECSA, Xosé Ma García Palmeiro, abrirá o programa falando no IES San Paio tudense ás 10.45 horas.
Con este ciclo, APECSA quere alentar á mocidade a traballar nunha tarefa común: a conservación, promoción e valoración do Camiño de Santiago como un ben patrimonio de todos, como un espazo cultural de comunicación e de espiritualidade, un dos máis importantes dinamizadores da economía dos lugares por onde pasa.
Na conferencia de García Palmeiro terá un peso importante o debate sobre a conservación da natureza e do patrimonio e sobre a harmonía do territorio co seu desenvolvemento, defendendo os valores de solidariedade, igualdade e liberdade que se desprenden deste itinerario de comunicación.