A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, inauguraron esta tarde as áreas recreativas de Bornetas en Caldelas e da Gándara en Guillarei, financiadas con preto de 190.000 € do Plan Concellos da institución provincial. As dúas remodeladas áreas recreativas forman parte dun proxecto máis amplo que o goberno local ten en marcha para mellorar as zonas de ocio da infancia e crear espazos biosaudables para o público adulto. “Con estes renovados espazos – destacou a presidenta Carmela Silva- novamente o goberno de Tui demostra o seu compromiso coa veciñanza, poñendo no centro da acción política ás persoas, as verdadeiras protagonistas, a través da creación de espazos de encontro de calidade para o desfrute da cidadanía”.
O investimento total que achegou a Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos, á remodelación das áreas recreativas ascende a 188.000 € en total, e inclúen non soamente elementos infantís senón tamén aparellos biosaudables. No caso da área recreativa en Bornetas, en Caldelas, o investimento foi de preto de 90.000 €, e na área recreativa da Gándara, en Guillarei, ascende a máis de 100.000 €. “Síntome feliz –asegurou a presidenta Carmela Silva- de volver a Tui para inaugurar actuacións que melloran a vida da xente, porque a política está para isto, para mudar, para reformular e renovar sempre situando no centro das transformacións ás persoas”.
Pola súa banda o alcalde Enrique Cabaleiro destacou que “estas actuacións, que non se atopaban en boas condicións e están situadas a carón de centros educativos, o CRA Mestra Clara Torres e o CEIP de Guillarei, responden a unha demanda da cidadanía e forman parte dun modelo máis ambicioso que ten por obxectivo remodelar case a totalidade dos parques infantís do termo municipal de Tui”.
As actuacións
A renovada área recreativa de Bornetas, en Caldelas, está situada a carón do CRA Mestra Clara Torres, ata o que está previsto –tal e como anunciou o alcalde- que en setembro se achegen os Reis para coñecer o centro que ten recibido o Premio Princesa de Girona. O ámbito do parque infantil abrangue 346 metros cadrados e conta con pavimento de caucho continuo e céspede artificial con base amortiguante. Amais, inclúe diferentes tipos de xogos entre os que se atopan unha montaña, un arrandeadoiro de dobre asento e sento para bebés, un balancín, xogos de cesto e abella e dúas torres con escaleira colgante e muros de escalada. Tamén incorpora elementos biosaudables para o público adulto con aparellos para traballar a zona de cintura, esquís de fondo, elevadores e bicicletas estáticas.
No caso da parque da Gándara en Guillarei creouse unha área con dúas zonas: unha de 650 metros cadrados onde se sitúan os xogos e a tirolina, e outra de 190 onde se instalan os aparellos biosaudables e as mesas de xogos (ping-pong e xadrez). A zona infantil conta con pavimento de seguridade con céspede artificial con base amortiguante e elementos para a rapazada como unha tirolina, un arrandeadoiro tripla, dúas torres con muros de escaladas e redes de corda, outra torre con escaleiras e tobogán, unha pequena cabana, un pato, un coello e un balancín sapo. En canto aos elementos biosaudables inclúense aparellos de cintura, de esquí de fondo, elevadores e bicicletas estáticas así como unha mesa de ping-pong antivandálica e un conxunto de mesa e bancos con taboleiro de xadrez.
Dende o 2015 a Deputación de Pontevedra investiu en Tui preto de 10 millóns de euros dos que 6,1 correspóndense co Plan Concellos e preto de dous millóns con actuacións en infraestruturas como as acometidas para a mobilidade sostible na EP-3004 (onde tamén se realizou unha obra de emerxencia no acceso á Igrexa) e na EP-2505 na parroquia de Caldelas. Ademais Tui foi un dos concellos beneficiados co Plan DepoRemse, a través do cal se realizou a mellora da seguridade viaria no núcleo da Torre en Paramos. No que respecta ao Plan Concellos, a vila puido financiar nos últimos seis anos ata 60 obras e contratar a 116 persoas desempregadas, 15 delas este mesmo ano.