Mañá 30 de xaneiro remata o prazo de presentación de solicitudes para participar no primeiro Certame Mellor Canción Galega «Os Bardos» que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Baiona, dirixida por Dª. María Iglesias Fernández, co obxectivo primordial de impulsar e recoñecer a creación, a diversidade e a calidade da música feita por galegos en lingua galega.

Este Certame está a xerar un grande interese, xa que numerosos grupos, solistas e dúos galegos contactaron co concello para interesarse, e realizar a súa inscrición.

Trátase dun certame de cancións inéditas en lingua galega, onde se seleccionarán 10 finalistas, os cales participarán nunha Gala que terá lugar no Auditorio V Centenario de Baiona, en datas próximas ao Día das Letras Galegas de este ano, e donde os seleccionados optarán aos seguintes premios:

  • Premio “A Mellor Canción Galega” dotado de 600€, e ademáis o gañador terá a oportunidade de actuar na programación cultural do Baiverán 2019.
  • Segundo Finalista: dotado de 400€
  • Terceiro Finalista: dotado de 250€.

Recordamos a todas aquelas persoas que poidan estar interesadas que a inscrición pode realizarse ata mañá mércores 30 de xaneiro de 2019, ata as 14:00h. de xeito presencial na oficina de Rexistro do concello, ou ata o final do día na Sede Electrónica.

Dende a Concellería de Cultura do Concello de Baiona, animamos a aqueles solistas, dúos ou grupos que interpreten cancións en lingua galega inéditas, a que se presenten a esta primeira edición do Certame, que esperamos se consolide nun futuro próximo.

As bases do Certamen poden consultarse na páxina web do concello de Baiona.

Máis información na Concellería de Cultura do Concello de Baiona, no teléfono 986385921, ou cultura@baiona.org