patio_ceip_sangrina

Un grupo de nove mestres do CEIP “A Sangriña” de A Guarda forman parte dun PFPP (Proxecto de Formación Para o Profesorado) que leva por título “Un patio cheo de vida” e que ten como obxectivo rediseñar o patio escolar.

Tentan transformar o patio actual nun espazo acolledor e agradable con diferentes subespazos: horta, zona de equilibrio, zona relax ou zona artístico-musical. «Todo o proxecto«, indican, «deberá ir englobado nunha idea ou eixe motivador que defina e caracterice o novo patio: o espazo, o circo, unha volta ao mundo«.

Para desenvolver o proxecto contan coa colaboración da Escola Superior Gallaecia, que se atopa en Vila Nova de Cerveira. Esta institución de ensino universitario organizou «Un patio cheo de vida”, un workshop onde os alumnos das licenciaturas de Arquitectura e Urbanismo, e Multimedia e Artes, formaran grupos de traballo multidisciplinares co obxectivo de desenvolver un proxecto innovador e dinámico capaz de transformar o entorno escolar do CEIP A Sangriña.

Os grupo de traballo estarán formado por alumnos de ambos cursos sendo coordinados polos profesores de ambas licenciaturas. O workshop desenvolverase durante 15 días de traballo continuado nas instalacións da ESG. O pasado venres, 15 de febreiro, un grupo de mestres do CEIP A Sangriña fixeron unha presentación nas instalacións da Escola Universitaria Gallaecia onde expuxeron as súas necesidades así como de todas as posibilidades que ofrece o espazo do patio. Posteriormente os alumnos e os profesores da ESG visitaron as instalación do centro guiados polos mestres desta.

Xa no propio centro educativo, fixeron grupos mixtos e volveron para a escola e, xa alí, puxéronse a traballar, a pensar, a desfrutar transformando un patio gris e baleiro nun patio cheo de vida e de posibilidades de xogo e aprendizaxe.

O próximo 1 de marzo, os diferentes grupos de traballo formados presentarán as súas propostas para a recalificación e dinamización das áreas do patio escolar, sendo expostos publicamente nas instalacións do CEIP A Sangriña durante un período de 15 días. Do conxunto de propostas serán premiadas as dúas mellores, e sendo desenvolvida a proposta que maior puntuación acade.

Neste proxecto implicouse toda a comunidade educativa, xa que se fixeron enquisas, tanto a pais como a alumnos e mestres, para recoller ideas e propostas. Cabe destacar a colaboración prestada por varias familias da comunidade educativa (Restaurante Area Grande, Restaurante Trasmallo, Adega Terras Gaudas e Centro de Masaxes Fajar) coa doazón de diversos premios que serviran de agradecemento aos alumnos implicados nesta iniciativa.

O CEIP A Sangriña quere tamén agradecer a implicación e colaboración da comunidade académica da Escola Superior Gallaecia neste proxecto, sen a cal non sería posible o inicio desta proposta que unirá para sempre ambas institucións.