Vive Nigrán, o “Picnic Pop Festival” que terá lugar no entorno máxico de Praia América (Nigrán) os días 20 e 21 de xullopresentou esta mesma mañá a súa programación completa baixo a presenza de Juan González, alcalde de Nigrán; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Hugo Pérez, brand manager de Mahou e Juan Rivas, un dos directores do Festival, nun acto estivo amenizado coa música da banda viguesa Maryland.
A organización pretende facer deste evento un punto de encontro único entre as persoas asistentes, os profesionais do sector e público familiar que poderá gozar dunha programación musical que quedará artellada do seguinte xeito: o venres 20 actuarán Depedro, Nathy Peluso, Maryland, Mujeres, Calavento, Mireia Vilar, Odd Cherry Pie, Esteban & Manuel e Abraham Boba DJ set (León Benavente); e o sábado 21 os asistentes poderán gozar do Concerto Mahou Cinco Estrellas de Sidonie, The Limboos, Mueveloreina, Bigott, Las Odio, Alondra Bentley, Calavera, Inerttes, Indian Hawk, Sidonie DJ set, Esteban & Manuel DJ set e Picnic Pop DJ.
Integrante dos Fest Galicia da Xunta de Galicia e incluído no circuito Rías Baixas Fests, Vive Nigrán será a última das paradas que forman parte deste roteiro estival da Deputación de Pontevedra. A aposta do Concello de Nigrán, que conta tamén co patrocinio da cevexeira Mahou, pretende continuar sendo un referente para as persoas afeccionadas á música en directo nun espazo natural único con concertos a pé de praia e actividades paralelas para poder vivir Nigrán en familia ou con amizades dende a mañá ata a noite.
Actividades paralelas e entradas
Aínda que a organización dará a coñecer as súas actividades paralelas completas nas próximas semanas, Juan Rivas -codirector do evento- adiantou que nesta edición celebrará o Foro Profesional Estudios Mans que levará o nome “Claves, oportunidades e innovación na cultura e industria musical” e no que participarán Gema Sánchez (coordinadora do programa Artistas en Ruta da AIE), Víctor Lenore (xornalista e crítico musical), Jaime García Cantero (El País Retina) e Rafa López (xornalista cultural).
Esta non é a unica colaboración que o festival emprende nesta edición: a os vigueses Inerttes tocarán no festival tras gañar o concurso de SonidosMans; e os emerxentes Indian Hawk, Mireia Vilar e Odd Cherry Pie farano a través do programa da Deputación de Valencia «Sona la Dipu».
As persoas interesadas en adquirir as súas entradas para asistir a Vive Nigrán xa poden facelo a través da propia web do festival, Vive Nigrán, na que se poden adquirir os abonos de dous días por 30 € ou as entradas para asistir soamente un día a un prezo de 16 €. As entradas tamén estarán dispoñibles en puntos de venda físicos como Elepé e La Juakina en Vigo, Plaza Fitness Sport Center e Chac – Mool en Nigrán, Doppler e Torgal en Ourense, A Reixa tenda en Santiago de Compostela e Carnaby en Pontevedra.