O grupo de usuarios da Fundación Menela que participa no proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño para todos’, encara a súa recta final tras percorrer esta mañá os 5,25 qm que separan Baiona de Nigrán na ruta xacobea pola costa.

Nesta ocasión estiveron acompañados de alumnos do CEIP Sabarís, IES Primeiro de Marzo, usuario do Centro Juan María de Parada e catro concelleiros de Nigrán. A derradeira etapa terá lugar o venres 11 de outubro, cando camiñen dende a ponte de A Ramallosa ata a Casa do Concello de Nigrán para, como colofón final, celebrar no Auditorio Municipal un acto onde amosarán as súas conclusións tras realizar a ruta pola costa dende A Guarda (onde arrancaron o 17 de setembro).

Esta iniciativa na que participa o Concello de Nigrán permite que 20 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e discapacidade intelectual asociada do Centro Castro Navás (en Priegue) percorran a ruta oficial pola costa xunto ao seu persoal especializado e diferentes entidades locais en cada etapa co obxectivo de facer o camiño accesible grazas a súa propia experiencia. O proxecto conta tamén coa axuda do programa “O teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia.

Os participantes fan noite en albergues o día anterior a cada etapa. Na primeira xornada, o 17 de setembro, percorreron os 10,3 km que separan A Guarda de Portocelo, ao día seguinte camiñaron ata Oia e o resto de tramos dividiuse entre os días 24 e 25 de setembro (Santa María de Oia-Mougás), 1 e 2 de outubro (Baiona-A Ramallosa); e finalmente, o 11 de outubro será a chegada á Casa do Concello de Nigrán dende A Ramallosa.

O obxectivo é que, grazas a esta experiencia, usuarios e técnicos da Fundación Menela propoñan unha sinaléctica con pictogramas e información que faga todo o Camiño pola Costa accesible dende o punto de vista cognitivo. Paralelamente, estas sete etapas son unha oportunidade para visibilizar a realidade deste colectivo e informar á sociedade sobre os recursos e servizos dos que dispón a Fundación Menela para a atención das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e as súas familias, dende os primeiros anos de vida ata a idade adulta.

‘Xacobeo Autismo. Un camiño de todos’ conta cun orzamento de 20.413 € dos que o Concello de Nigrán aporta o 20%.