O xoves día 19 de xullo, ás 21:00 horas, a Praza do Reló da Guarda será o escenario da actuación da cantante e artista Uxía Morán, unha das maiores embaixadoras da música e da poesía galegas.
Esta actuación, baixo o título de «O Poder da Música» enmárcase dentro do programa Mulleres en Acción Violencia Zero da Deputación de Pontevedra, a música como empoderamento e arma favorecedora da autoestima. Unha intervención musical participativa na que se pide ao público que traia diferentes instrumentos de percusión (cunchas, pandeiretas, paus, etc.) para formar parte dun canto colectivo cheo de forza, guiado por unha das voces máis populares de Galicia.
Uxía, nada en Mos no 1962 comezou a súa carreira artística no ano 1985 cando gañou o primeiro premio do Festival de Bergantiños. Pouco tempo despois o grupo Na Lúa, un dos grandes referentes do folk galego, produciu o seu primeiro disco, Foliada de marzo (1986), que recolle a súa querenza pola música popular e a lírica galego-portuguesa. Un ano máis tarde Uxía integrouse no grupo Na Lúa, co que gravou dous discos.
Na década dos noventa retomou a súa carreira en solitario, marcada polos seus continuos intercambios e colaboracións con artistas de Portugal, Brasil, Mozambique, Cabo Verde ou os Azores, establecendo lazos culturais entre Galicia e a comunidade lusófona. Publicou doce álbums, nos que explora temas recorrentes coma a busca dun espazo para a voz da muller, o diálogo entre culturas, a poesía contemporánea galega ou a defensa da identidade lingüística.