ALFREDO

Ante o éxito da campaña Parte de ti, que se lanzou fai dous anos, Eurural decide ampliala un ano máis para dar a coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos e servizos da nosa contorna.

A presentación tivo lugar está mañá ás 12:30 horas no Espazo de Coworking Tribu do Porriño e contou coas intervencións de Moisés Blanco Paradelo, subdirector de relación cos GDR da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural AGADER, pertencente á Consellería do Medio Rural (Xunta de Galicia), Alejandro Lorenzo, alcalde de O Porriño, Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural, Juan González, Representante Institucional do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e Alcalde de Nigrán, Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal ou Simón Ubeira, un dos produtores que forman parte da campaña.

Parte de ti nace co obxectivo de dirixir o apoio ás persoas produtoras, transformadoras e comercializadoras do rural. Trátase, por tanto, dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos profesionais que ofrecen os seus produtos e servizos no rural. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador. Este ano, ademáis, porase o foco tamén en servizos como aloxamentos ou tendas que se ofrecen no rural e nas diferentes experiencias que os visitantes poden gozar nas distintas zonas que forman parte do GDR.

Durante a rolda proxectouse o vídeo de presentación da campaña e unha das historias dun dos produtores, Simón Ubeira, de O Alcouve da Moura, un proxecto que naceu fai tres anos coa convicción de por en valor os recursos naturais que hai arredor e máis en particular, os terreos de labradío, que son terreos que historicamente sempre estiveron cultivados pero que pola globalización se abandonaron. “Hai futuro na agricultura ecolóxica. Hai futuro na agricultura en xeral. O único que fai falla é vontade, traballo e sobre todo a axuda das administracións”, Simón Ubeira, produtor.

Ademais da historia de O Alcouve da Moura (O Rosal) presentaranse ao longo da campaña outros proxectos coma Tribu Coworking (O Porriño), Ideas Peregrinas (Tui), Lacena Comida Espida (A Guarda), Artesanía Granlei (Mos) , Cervexas Trisk -Ale (Nigrán), Panadaría Copena (Gondomar), Tia Estébana Micromercado Selecto (Redondela), O Alto da Pousa (Tomiño) e Noelia Bebelia (Soutomaior).

A Asociación de Desenvolvemento (Galicia Suroeste Eurural) é unha entidade sen ánimo de lucro formada por todo o tecido asociativo que hai nos concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, O Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar máis os propios concellos e entre todos encárganse de elaborar unha estratexia de desenvolvemento rural para todo o territorio. Esta mesma entidade xestiona o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miñono que incorpora nas súas actividades ao concello de Soutomaior.