Centro Cultural de Camos

O sábado día 10 de marzo, no Centro Cultural de Camos “A Camoesa”, en Nigrán, ao longo de todo o día, vaise desenvolver unha xornada aberta e participativa coa intención de contribuír a achegar o monte comunal do Val Miñor á veciñanza e a veciñanza ao monte comunal a través dunha serie de actividades, para todos os públicos, que abranguen a comunicación, o coñecemento, a educación e o compromiso.

A iniciativa parte dun grupo de veciños do Val que, trala última vaga de incendios, queren dar unha resposta social activa e colaborar no alento á implicación da xente co monte, á súa defensa e ao coñecemento da súa realidade.

Despois de contactar coa maioría das Comunidades de Montes do Val Miñor que colaboraron xenerosamente nas enquisas elaboradas, vendo a necesidade de difusión e de contacto entre todas as partes implicadas nos montes, xurdiu a idea da xornada.

Durante a mesma, dende as dez da mañá que comezará un roteiro guiado, desenvolveranse actividades para persoas adultas e cativas: táboas redondas, charlas participativas con diferentes temáticas relacionadas co monte en man común, o lume e as alternativas sostibles, proxección de documentais, exposicións de traballos do alumnado de varios centros, obradoiros para nenos, xantar compartido e festa para rematar: circo, poesía, música e teatro.

Esta xornada non sería posible sen a participación xenerosa de moitas persoas, asociacións, centros educativos… do Val Miñor que demostran que hai moi boa disposición e interese na defensa dos nosos montes.