Na pasada fin de semana celebrouse no Val Miñor unha xuntanza do deputado do BNG asignado a esta zona, Luís Bará, coas persoas que exercen responsabilidades internas ou institucionais desta organización nos tres concellos do Val Miñor: o Tte. de Alcalde e a concelleira de igualdade de Baiona, Iago Pereira e Yasmina Moreira;  o responsábel de organización e a portavoz municipal do BNG en Gondomar, Xosé Lois Ruíz e Manuela Rodríguez; e os responsábeis local e de organización do BNG en Nigrán, Xavier Rodríguez e Bautista Míguez.

A reunión de traballo tivo por obxecto a posta en común e a planificación da acción política respecto das diversas problemáticas existentes no Val Miñor en temas dependentes da nefasta xestión do PP no Goberno da Xunta. Salientáronse como aspectos de máis urxente atención no Val Miñor a contaminación das augas na Foz, a precariedade na atención sanitaria nos centros sanitarios da zona, os problemas xerados polo modelo de xestión dos comedores escolares, así como a continuidade na reivindicación dunha AG-57 libre de peaxe, todos eles temas que o BNG vén denunciando ou demandando dende anos atrás tanto a través da mobilización social como en forma de iniciativas parlamentares e nos concellos.

Poñendo como contrapunto a capacidade do Bloque para facer valer os intereses do país, como se ven de demostrar no acordo de investidura no estado, e a solvencia demostrada na xestión das institucións onde goberna, diante da próxima convocatoria de Eleccións ao Parlamento Galego, o BNG, tamén no Val Miñor, traballa coa perspectiva de acadar unha representación que permita abrir un tempo novo para Galiza no que un novo goberno traballe para lle dar solución aos problemas enunciados.