A praza da Carrasca xa está recuperada para o desfrute da veciñanza de Nigrán e, especialmente, da parroquia de Parada. Os deputados de Cooperación, Santos Héctor, e de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitaron hoxe a actuación, na que se teñen investido 73.795 euros con cargo ao Plan Concellos, acompañados polo alcalde, Juan González.  A visita serviu tamén para anunciar novas obras na zona da Carrasca e o acordo total entre Deputación e Concello para poñer en marcha o procedemento que fará posible a construción das sendas peonís de Chandebrito e Parada, atendendo así a unha vella reclamación do municipio do Val Miñor.

A nova praza da Carrasca pasa a contar cunha superficie perfectamente adaptada as súas funcións de centro de vida neste núcleo, dando prioridade aos usos peonís e regulando adecuadamente o tráfico. O espazo conta agora con 685 metros cadrados de superficie “adoquinada” e rematada con lousa de pedra nas marxes, ademais dun asfaltado perimetral de 1.639 metros cadrados. A praza alberga o Centro Cultural Bolos de Carrasca e varios comercios, ademais de locais de hostalería, polo que a mellora era especialmente demandada.

Santos Héctor, deputado responsable da área de Cooperación cos concellos, amosouse “moi satisfeito de ver como a praza da Carrasca quedou perfectamente adaptada para cumprir co seu papel como centro de vida”. “Ademais esta obra ordena o tráfico, poñendo en valor algo que na Deputación valoramos especialmente”. Destacou que, ademais, protéxese cunha contorna digna unha das poucas carballeiras urbanas que hai en Nigrán, polo que tamén se promoven valores medioambientais. “Conseguimos transformar unha praza que antes non estaba pensada para as persoas cunha mellora estética e funcional moi evidente”. Santos Héctor rematou felicitando ao Concello de Nigrán “por saber utilizar o diñeiro público do Plan Concellos para favorecer e mellorar a vida das persoas, un obxectivo que aquí se cumpre ao 100%”.

O alcalde, Juan González, cualificou o Plan Concellos de “ferramenta extraordinariamente útil e que representa a vontade de colaboración institucional da Deputación, porque somos os concellos os que decidimos os proxectos que se executan”. “A praza da Carrasca é o exemplo de como o entendemento entre institucións redunda en obras beneficiosas para a cidadanía”. O alcalde aproveitou a ocasión para anunciar outro investimento, de 200.000 euros, para levar o saneamento e abastecemento de auga a tódalas vivendas do núcleo rural da Carrasca. A actuación vaise sufragar con cargo ao Plan Concellos 2020.

Por outra banda, o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, anunciou que a Deputación xa contratou a redacción dos proxectos das sendas peonís da estrada provincial EP-2102, no tramo de 4,3 Km entre San Roque de Camos e Chandebrito  e da EP-2106, nos 995 metros que unen A Areíña coa praza da igrexa de Parada. Unha vez redactados os proxectos, asinarase un convenio para a execución das obras. “O alcalde transmitiunos a necesidade destas dúas obras a causa do perigo que entrañan estas estradas para os peóns, e podo dicir que xa estamos facendo os traballos de campo, así que esperemos que pronto poidamos dar cobertura a esta necesidade, porque falamos de algo que para nós é moi sensible, como é a seguridade peonil”, afirmou Agís. Juan González explicou que as sendas “son dúas vellas peticións veciñais porque son zonas polas que camiña moita xente sen seguridade algunha, así que comezar a traballar para convertelas en realidade é un paso importantísimo para toda a veciñanza de Nigrán”.

Unha vez rematados os proxectos e asinado o convenio, a Deputación comprométese a execución dunhas obras que encaixan plenamente no seu Decálogo de Criterios nas Estradas Provinciais, no que se establecen as condicións de intervención nos 1.700 Km de rede provincial. O Decálogo ten como primeiro punto a aposta pola seguridade na mobilidade, dando prioridade aos peóns, ciclistas, transporte público e transporte privado, por esta orde.

9,3 millóns de euros en investimentos en Nigrán

A Deputación leva investidos nos últimos 5 anos un total de 9,3 millóns de euros en Nigrán. Con cargo ao Plan Concellos executáronse 43 obras. Ademais, financiáronse 84 actividades sociais, culturais e deportivas e contratáronse 128 traballadoras e traballadores para a prestación temporal de servizos relacionados coas competencias municipais. Nigrán tamén benefíciase do Plan de Reequilibrio para a construción da nova Biblioteca Municipal dunha subvención de case 1,5 millóns de euros, ademais de axudas para a adaptación do seu punto limpo, para a reconversión a tecnoloxía led da rede de iluminación e para a redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS).