ALFREDO // Imagen de archivo.

Nun comunicado de prensa, Manifesto Miñor En Marea, denuncia publicamente as elevadas comisións e gastos aplicados ás contas bancarias da veciñanza por unha entidade bancaria de Gondomar.

Comunicado:

Unha parte importante da nosa veciñanza con contas bancarias na entidade ABANCA está a verse prexudicada polas elevadas comisións e gastos que esta entidade bancaria está aplicar aos seus clientes,  máis gravosa aínda naquelas modalidades coñecidas como “libreta á vista”.

Estas comisións impóñense sobre contas correntes, non sobre produtos financieros de esperada rendabilidade. É dicir, afectan aos consumidorxs.

Contextualizando:

Poderíamos dicir que en Gondomar non andamos sobrados doutras entidades bancarias, pois con ABANCA só hai tres, polo que a liberdade de elección para unha parte importante da nosa veciñanza non existe; podendo a devandita entidade exercer unha posición “dominante” sobre os clientes. O problema agrávase cando nos referimos ás persoas de máis idade, coas dificultades e/ou imposibilidades de acceder a outros modelos bancarios que non lles cobrarían estas comisións (certa banca online, etc…).

Non é obxecto desta moción debater sobre a legalidade ou ilegalidade desta práctica bancaria/comercial; práctica que este grupo considera carente de ética e abusiva, entendida polo exercicio dunha posición dominante do banco sobre os usuarios máxime, na situación de vulnerabilidade en que se atopan moitas das persoas afectadas.

Por último convén lembrar a orixe da entidade ABANCA, resultado da venda a prezo de saldo da agrupación de varias caixas de aforro galegas rescatadas con diñeiro público. Entidade que actualmente pregoa abondosos beneficios.

Como queira que se trata dunha situación moi grave e inxusta que lle está a afectar a miles dos nosos veciños, o Concello de Gondomar ten a obriga moral e política de denunciar esta práctica de nova usura levando a voz da veciñanza alí onde lle cómpre, polo que propoñemos  ao Pleno os seguintes acordos:

1.- Trasladar á entidade ABANCA o rexeitamento por parte do Pleno da Corporación Municipal de Gondomar da aplicación de comisións e gastos por parte desa entidade ás contas correntes (comisión e gastos que roldan os 50 euros por semestre); así como o apoio á veciñanza na reclamación da devolución das mesmas.

2.- Instar ao Goberno Municipal de Gondomar a que, no caso de que a entidade ABANCA non efectúe a devolución destas comisións, a contactar con outras entidades bancarias:  banca ética ou caixa de aforros do tipo Caixa Rural Galega, etc, a fin de  facer das mesmas as entidades bancarias e financeiras preferentes do Concello, anulando todas as contas e as operacións financeiras que o Concello de Gondomar mantén neste momento con ABANCA que sexan legalmente posibles.