ALFREDO

Diante do brutal incremento da factura da luz, o Bloque Nacionalista Galego de Nigrán realizará dúas xornadas de recollida de sinaturas, enmarcadas na campaña nacional que a organización política desenvolve por todo o país. Para iso instalará unha mesa este venres 25 de xuño no Areal de Lourido, á altura do mercado situado no paseo da praia, en horario de 19:00 a 21:00 horas, e o luns 28 na Alameda de San Campio, na Ramallosa, en horario matinal de 10:00 a 13:00 horas.

Nas follas de sinaturas solicítase a adopción de medidas prácticas que permitan a diminución do prezo da factura eléctrica a través de diferentes instrumentos, como son a implantación dunha tarifa eléctrica galega en beneficio de consumidores particulares e empresas, que compense o forte impacto ambiental derivado do noso papel produtor, así como a modificación da Lei do sector eléctrico para que o prezo da electricidade se estipule en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía.

Igualmente se demanda que o tipo aplicable ao IVE da factura eléctrica sexa o superreducido do 4% como ben de primeira necesidade que é, así como eliminar o imposto especial da electricidade.

Por outra banda tamén se pide garantir a subministración eléctrica a toda a poboación polo seu carácter de servizo básico, establecendo os mecanismos para o seu aceso ás persoas sen recursos.

Finalmente reclámase a creación dunha empresa pública galega de enerxía, inicialmente integrando os encoros de produción hidroeléctrica que vaian rematando o seu período de concesión.

Estes escritos se remitirán á Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia para que, tanto no desenvolvemento de competencias propias como instando ao Goberno español, adopten as medidas propostas.