Vive Nigrán

As claves da marca FEST Galicia, marca creada pola Xunta para agrupar os principais festivais galegos e da que forma parte Vive Nigrán, presentáronse a pasada fin de semana en Fitur.

Durante o acto, o conselleiro Román Rodríguez estivo acompañado polo director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e polos directores dos festivais Vive Nigrán, Resurrection Fest EG, PortAmérica, 17º Ribeira Sacra, e SonRías Baixas. Estes cinco festivais xunto con Atlantic Fest, Sinsal SON Estrella Galicia, Revenidas, Festival da Luz e WOS Festival, que conformaron os 10 eventos asociados á marca FEST Galicia na súa edición de lanzamento en 2018.

Román Rodríguez fixo balance da primeira edición na que os 10 festivais adheridos á marca sumaron case 200.000 persoas asistentes e xeraron en total un impacto económico de máis de 12 millóns de euros. Asegurou que os festivais galegos foron consolidándose e singularizándose e hoxe están preparados para se converter nun elemento diferencial da oferta turística e cultural de Galicia porque “son diversos, creativos, integradores, proxectan unha imaxe de modernidade e impulsan o crecemento económico do país de forma equilibrada”. O verán pasado, os festivais FEST Galicia acolleron un espazo da marca desde o que se levaron a cabo accións sobre a importancia do respecto medioambiental, de fomento da igualdade a todos os niveis, de oportunidades para a mocidade ou de dinamización lingüística.

Vive Nigrán: concertos, actividades e entradas

A terceira edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os próximos 19 e 20 de xullo, contará cos directos de Novedades Carminha e co pop electrónico do dúo barcelonés Hidrogenesse, ademais de coa música dunha chea de bandas aínda por anunciar.

O festival, ademais, continuará artellándose sobre a música e fusionándose cunha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición dende xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de foodtrucks, un mercadiño, sesións DJ, obradoiros, charlas… Un sinfín de actividades que debuxan un “picnic pop festival” de cultura creativa, unha filosofía e un estilo de vida para que todos os públicos poidan gozar intensamente Nigrán dende a mañá ata a noite. E todo iso nun espazo máxico e co que mantén un compromiso de emprazamento: fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América-Lourido (un areal dos máis aplaudidos de todo o litoral galego pola súa extensión, area fina e de augas case transparentes) e ao pé da península de Monte Lourido.

As persoas interesadas en adquirir as súas entradas xa poden facelo a través da propia web do festival, Vive Nigrán a un prezo de 20 euros os bonos de dous días.