Outra e outra e outra vez... Basta Xa!

A violencia machista humilla, fere, condena de por vida, escraviza, tortura e finalmente mata. Neste mesmo momento, en cada momento que pasa, a violencia machista no mundo segue maltratando e asasinando a mulleres e nenas, polo único feito de selo.

Lapidadas, queimadas, mutiladas, violadas, desprezadas,… A violencia machista está en todas partes: na familia!, na rúa, no traballo, nos estados, nas institucións.

Estamos fartas e non temos pensado calar. Mulleres en pé, co puño en alto dicimos: Non, Non e Non!

Estamos fartas de manadas salvaxes que violan e que presumen de facelo!, de xuíces que ditan sentencias machistas, que culpan á muller, que cuestionan a súa actitude para exculpar ao agresor, de estados que non se comprometen, de gobernos que teñen o machismo e o patriarcado nas súas raíces, na súa historia.

Estamos fartas e dicimos: Basta xa!

Sabemos que os asasinatos son a parte máis visible, pero as violencias machistas son moitas e están no camiño que leva cara a este feminicidio: na educación sexista, nos estereotipos, na publicidade, na moda, na fenda salarial, na desigualdade no reparto das tarefas de coidado, nos abusos e humillacións, nas violacións, nas crenzas, nas culturas, nas letras de moitas das cancións de moda e nos videoclips que as acompañan, na falta de sensibilidade cara ao respecto e a igualdade das institucións que difunden e premian estes contidos.

As mulleres, grandes loitadoras, moven por dentro o mundo, o seu cerne, o que máis importa. Berta Cáceres, asasinada por defender a terra, dicía que “ao medo gáñalle a dignidade”. Denunciemos o maltrato. Non podemos calar. Saquemos á luz os abusos, estean onde estean. Rachar o círculo para que as nosas fillas en netas vivan con dignidade en igualdade e sexan libres e respectadas.

Querémonos vivas e libres!

25N­ BASTA XA! Co­mando Ghichas