Este xoves, as corporacións moradas de ambos municipios veñen de presentar unha moción na que instan aos Concellos de Nigrán e Baiona, a adoptar medidas fronte a pirotecnia. «A moción ten o visto bo de protectoras como Proxecto Gato«.

Alegan que existe un amplo sector da poboación vulnerable a estes artiluxios tan empregados nos diferentes festexos ou festas, especialmente en fin de ano, como poden ser as persoas de Espectro Autista, ligorofóbicos, epilépticas, con hipersensibilidade, enfermidades respiratorias… e os animais.

Así mesmo, tamén lembran aos respectivos Concellos, «o perigoso que pode resultar en lugares con aglomeracións de xente e o perxudicial que resulta para o medioambiente, sobre todo no que respecta aos montes, ríos, mar e aire».

En canto ao son, fan referencia a que algúns destes foguetes exceden a cantidade de decibelios seguros para o oído segundo a OMS e por isto, «instamos aos Concellos a explorar a vía de empregar fogos artificiais insonoros e en vez de empregar petardos ou voadores para avisar das festas ou festexos, o lanzamento dunha boa campaña en prensa ou redes, e deste xeito crear un pobo amable, para todo o mundo e onde ninguén sexa excluido».