Os colectivos do Val Miñor: A Asociación de Mulleres Area Loura, a Batucada Feminista e o Comando Ghichas, convocan a toda a veciñanza a participar nos actos que se organizarán na Ramallosa o luns ás 20:00 horas con motivo do 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
Pedin que ás persoas que se acheguen o fagan vestidas de negro ou lila e, se queren participar activamente na batucada, leven instrumentos e se acheguen media hora antes do comezo, ás 19:30 horas, para facer un ensaio previo.
O obxectivo destas accións, unha vez máis, é romper co silencio berrando forte contra as violencias machistas e contra o feminicido, contra o machismo e o patriarcado que permanecen vivos na rúa, nos fogares, no traballo e nas institucións.
«A vergoñenta sentenza no caso da “manada” de Manresa, na que a violación múltiple a unha menor inconsciente é considerada como “abuso sexual”, pon de manifesto a pouca vontade de cambio nas institucións xurídicas do patriarcado, xordas ás multitudinarias protestas que se deron na anterior sentenza da “manada” de Pamplona«, indican.
«O aumento das agresións sexuais en grupo nos últimos anos, 63 agresións múltiples no 2019, é un indicador de que non avanzamos, pola contra parece que máis ca nunca a agresión ás mulleres está na rúa. A cifra de mulleres asasinadas este ano no estado son 66, 15 máis das que indican as estadísticas oficiais, nas que non se contan aquelas mulleres que son agredidas por homes fóra da relación de parella. O número de nenas e nenos que quedan orfos de nai, os millerios de agresións de todo tipo á parte dos asasinatos… Son realidades que non poden quedar ocultas nin silenciadas«, aseguran.
«Queremos lembrar, unha a unha, a cada vítima dos asasinatos machistas, os seus nomes propios, non como números dunha listaxe, e queremos berrar por elas:
Nen unha vítima máis! ¡O machismo mata! Querémonos vivas, libres, iguais e respectadas!».