Multan o Concello de Nigrán por poñer en risco a saúde das persoas
ALFREDO // Cartel que aparecía en la desembocadura del río Muiños

Segundo Nigrán Decide, o concello de Nigrán foi sancionado con 3.005,07 euros pola Consellería de Sanidade tras a decisión do Alcalde de Nigrán de “non informar á poboación na zona de baño, cun cartel no que, se prohiba o baño e se recomende absterse deste temporalmente por contaminación microbiolóxica na auga durante o período de contaminación microbiolóxica acontecido o día 9 de agosto de 2017 na auga de baño da zona “AMÉRICA”, e que o 20 de xullo de 2018 o Alcalde de Nigrán ordenou pagar con cargo ao diñeiro de toda a veciñanza.

“A veciñanza de Nigrán non ten porque pagar co seu diñeiro as accións irresponsábeis do Alcalde e do seu goberno“, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, que cualifica estas actuacións, como mínimo, de grave neglixencia, asimesmo indica que “o grupo municipal presentará unha moción para que se abra un expediente de responsabilidade patrimonial ao alcalde para que abone persoalmente esta sanción”.

Cómpre destacar que o Concello de Nigrán recibiu o 9 de agosto de 2017, ás 12:27 horas, un fax no que se comunicaba que “na análise microbiolóxica realizada na auga da zona de baño AMÉRICA recollida o 07/08/17, detectáronse (…) niveis de microorganismos que superan os valores aceptables establecidos de contaminación microbiolóxica na auga de baño …”. Ante isto, o Goberno púxose a investigar, detectando a causa da contaminación e solucionándoa horas despois, polo que, implicitamente, o goberno recoñece a existencia do episodio de contaminación e, sen embargo, decidiu ocultala á veciñanza, mentres se solucionaba o problema, tal como sinalou a alcaldesa en funcións no pleno do día 26 de outubro de 2017″, afirman dende a formación política.

“De feito, segundo se desprende das declaracións do Concelleiro de Medio Ambiente nese mesmo pleno, era práctica habitual do Goberno municipal facer caso omiso ás recomendacións da Consellería de Sanidade sinalando que “O procedemento que facemos cando hai un aviso de contaminación é comprobalo polos nosos medios, darlle paso á empresa municipal e que o comprobe”, en lugar de seguir as recomendacións realizadas ante estes episodios de contaminación”, explican.

“A comprobación que realiza o goberno realízase mediante controis visuais e a realización de novas analíticas de comprobación, que veñen tardando 24 horas, polo que alomenos durante este tempo decidían non informar á veciñanza de episodios de contaminación ao incumprir as recomendacións recibidas. Parece, polas declaracións do goberno nese pleno, que os controis visuais que realizan os membros do goberno son mais precisos que os controis analíticos“, finaliza Cuevas.